Posverdade é un neoloxismo[1][2][3] que describe a situación na cal, na hora de crear e modelar a opinión pública, os feitos obxectivos teñen menos influencia que os chamamentos ás emocións e ás crenzas persoais.[4] Na cultura política, denomínase política da posverdade (ou política posfactual)[5] aquela na cal o debate se encadra en chamamentos emocionais, desconectándose dos detalles da política pública, e pola reiterada afirmación de puntos de discusión nos cales as réplicas fácticas — os feitos— son ignoradas. A posverdade difire da tradicional disputa e falsificación da verdade, dándolle unha "importancia secundaria". Resúmese como a idea en que “algo que aparente ser verdade é máis importante que a propia verdade”. Para algúns autores, a posverdade é simplemente mentira, fraude ou falsidade encubertas co termo politicamente correcto de "posverdade", que ocultaría a tradicional propaganda política.[6][7][8]
A cuestión da posverdade relaciónase coa dimensión hermenéutica na fala de Nietzsche, admitíndose que "non hai feitos, só versións". A procura da suposta verdade pasa a segundo plano, gañando expresión o perspectivismo de Foucault e as teorías da disonancia cognitiva e percepción. Actualmente, en ciencias humanas e sociais, a discusión gaña importancia coa agonística, que investiga e analiza o contexto social a través da teoría dos xogos. Conceptos clásicos acerca do dominio dos feitos, da verdade, da información e da esfera pública son, por tanto, resignificados.[9]
En 2016, o Oxford English Dictionaryescolleu post-truth como a palabra do ano na lingua inglesa.[10] Segundo a mesma institución, o termo “posverdade” coa definición actual foi usado por primeira vez en 1992 polo dramaturgo serbio-americano Steve Tesich. O termo ten sido empregado con algunha constancia desde mediados da década de 2000, mais houbo un pico de uso da palabra co crecemento dos medios sociais. Só no ano 2016, por exemplo, houbo un crecemento dun 2000 % no uso do termo.[10]